Sunday 05 de May de 2024

O pleno de Ordes aproba novas medidas para evitar o tránsito de camións polo casco urbano


 

Tamén se instará á Xunta a repoñer o mesmo número de profesores que había nos centros académicos durante o ano 2010

O pleno do Concello de Ordes acordou solicitar da Xunta de Galicia a cesión da titularidade da estrada AC 413 (Ordes – Carballo), no seu tramo correspondente á Rúa do Recreo. Unha proposta plantexada polos nacionalistas que no seu texto tamén demandan convocar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras; á Deputación da Coruña e a SOGAMA, a manter unha xuntanza para elaborar un convenio de financiación para o arranxo da estrada de Mercurín. Con elo preténdese evitar o tránsito de tráfico pesado polo centro da vila de Ordes, sobre todo o dos camións que se dirixen cargados cara ao vertedoiro de Areosa e a planta de Gesuga, no veciño Concello de Cerceda.
No texto tamén se solicita a cesión da titularidade da estrada AC 524 (Ordes – Lanzá) nos tramos da rúa Lagartos ate a rotonda do Ceidón. Neste punto os socialistas conseguiron incluir unha enmenda que reclama o mantemento da solicitude de cesión da estrada de Mercurín e de toda a Rolda Leste por parte da Xunta. No debate Manuel Regos avanzaou que esta medida vai ser “moi complicada de realizar” xa que a titularidade supramunicipal destes viais “por lei fai imposible a súa cesión a un só municipio”, pero que aínda así “o goberno local está disposto a apoiar calquera medida en beneficio dos habitantes de Ordes e que contribúa a solucionar os inconvintes ocasionados polo tránsito destes vehículos”. Agás o PP, que se abstivo, as votación contaron co apoio das demais forzas políticas.
Non foi o único punto que se abordou relacionado co tráfico rodado na vila. Así, por unanimidade aprobouse dotar dun único sentido de circulación á rúa Rosalía de Castro, alegando que o estacionamento de vehículos en ambos marxes recomenda adoutar esta medida.
Da man do Partido Socialista acordouse instar á Xunta de Galicia e ao director de Augas de Galicia a que sexan substituídos os depósitos de auga da vila de Ordes con cargo ao canon da auga. Tamén prosperou a súa solicitude de exixirlle ao Goberno o mantemento do Instituto da Muller como organismo autónomo, ademais da modificación dos seus obxectivos para seguir coa labor de deseñar estrategias e políticas de igualdade entre homes e mulleres. Os socialistas reclaman tamén máis financiamento para levar estes puntos a cabo para poder seguir incidindo na loita contra a violencia de xénero ou a educación non sexista entre outros.
A pesar da abstención do PP, os socialistas tamén sacaron adiante a última das súas mocións. Nela ínstase á Consellería de Educación a manter o mesmo número de profesores que había nos centros de ensino ordenses no ano 2010. Según Xesús Pedreira “nos colexios de Primaria pasamos de 94 a 93 profesores tras o peche de tres colexios rurais, o que supuso a perda doutros 4. En Secundaria de 104 pasouse a 86. Ademais hai que sinalar que moitos dos profesores non están impartindo as súas especialidades senón outro tipo de asignaturas, e non esquecerse do abandono de moitas das infraestructuras académicas”.